ábaco

« Nova anterior | Páxina inicial | Nova seguinte »

A nova lei de horarios comerciais

A nova lei de horarios comerciais regulará o réxime de apertura do comercio en Galicia

- O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, presentou hoxe o anteproxecto da nova Lei de Horarios Comerciais.
- O anteproxecto busca conxugar os intereses do comercio retallista cos do consumidor, garantindo o nivel axeitado de oferta aos consumidores.
- A nova regulación introduce novidades significativas, como a implicación dos Concellos nas funcións da inspección e na elección dos domingos e festivos hábiles para o comercio.

Santiago de Compostela, 1 de febreiro de 2006. O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, presentou hoxe o anteproxecto da nova Lei de Horarios Comerciais que vai tramitar a Consellería para a súa aprobación no Parlamento galego. A proposta vai ser consultada coas asociacións máis representativas de comercio e consumo, así como coas Cámaras do Comercio, antes de darlle a tramitación oportuna. Este anteproxecto responde á necesidade de establecer un novo réxime de horarios comerciais e de aperturas en domingos e festivos, que atenda de maneira adecuada as peculiaridades do sector en Galiza e garanta tamén o nivel necesario de oferta aos consumidores.

Domingos e festivos hábiles
Entre as novidades que introduce o anteproxecto de lei figura a posibilidade de que os Concellos que o soliciten poidan substituír algún dos domingos e festivos hábiles para o comercio por outros que consideren máis axeitados aos intereses comerciais do seu termo municipal. En todo caso, o número total de domingos e festivos hábiles non poderá exceder de oito, desaparecendo o procedemento que permitía aos Concellos engadir a estes outros dous días.

Co fin de buscar o equilibrio necesario entre o abastecemento local e a conciliación da vida familiar e laboral, exclúense cinco días da posibilidade de elección dos oito festivos ou domingos hábiles comercialmente: o 1 de xaneiro, o 1 e o 17 de maio, o 25 de xullo e o 25 de decembro. Coa mesma finalidade de conciliación da vida laboral e familiar, adiántase o peche dos establecementos ás 20,00 horas nas datas do 24 e 31 de decembro.

Inspeccións
En aras dunha maior operatividade, a nova regulación outorgaralles aos Concellos facultades en materia inspectora respecto da vixilancia daquelas infraccións que se puidesen producir en materia de horarios comerciais, toda vez que como administracións máis próximas ao cidadán, poderán exercer un control máis eficaz.

Liberdade horaria
O anteproxecto de lei reduce a 150 metros cadrados a superficie útil de venda e exposición ao público que deben posuír os establecementos comerciais para disfrutaren de plena liberdade horaria (na regulamentación actual a superficie mínima sitúase en 300 metros cadrados).

Así mesmo, a nova lei establecerá un procedemento de declaración de concello turístico, co obxectivo de que os establecementos situados na área de declaración gocen de liberdade horaria. A área proposta pode ser inferior ao territorio municipal ou incluír só unha parte dun núcleo de poboación, e a súa aprobación corresponderalle á Consellería de Innovación e Industria.