Segundo número da nosa revista
A Asociación de Comerciantes e Empresarios do Baixo Miño ‘ábaco’ lanzará o hoxe 22 de novembro o segundo número da súa revista comercial e turística, de distribución gratuíta en todos os comercios da asociación.
A portada da revista está adicada a Manuel Campo Vidal, elixido recentemente novo presidente da Academia de Televisión, quen di que se considera “un guardés a tempo parcial” e que deu a súa visión sobre o comercio e o turismo da Guarda. Sobre este tema tamén ofrece a súa perspectiva do comercio Xosé Bangueses, presidente do Foro Galego de Comercio.
Os contidos deste número están baseados, en grande medida, en temas sociais, entre eles o do documental sobre o campo de concentración do colexio dos PP. Xesuítas que o vigués José Ballesta de Diego realizou na Guarda con motivo do 70 aniversario da Guerra Civil Española. ‘ábaco’ conta a historia deste edificio nun primeiro capítulo, que continuará no próximo número da revista. Ademais, trata a cobertura do acto que tivo lugar no mes de outubro para homenaxear ás vítimas do réxime franquista.
Os malos tratos tamén están presentes. Baixo o título “Dueñas de la última palabra” e coincidindo coa marcha mundial das mulleres contra a violencia de xénero o 25 de novembro, ‘ábaco’ ofrece unha ampla reportaxe con declaracións de Carmen Espérante, presidenta de Liberanza. A recomendación literaria de “Sola (Una ruta por la igualdad)”, de Cristina Spínola completa o tratamento da igualdade de xénero.
Tras unha primeira incursión no rock guardés, o apartado musical de ‘ábaco’ comeza a presentar aos diferentes grupos da vila. O primeiro deles é Primer Grado, con motivo da presentación do seu traballo “Maníaca”. Ao longo dos números irán pasando por esta sección todos os grupos da Guarda para darse a coñecer.
César Casal volve participar na páxina literaria. E unha das páxinas está dedicada a un repaso sobre todos os feitos que organizou a asociación: a pasada campaña de Nadal na Guarda, unha comparsa de Entroido, o lanzamento desta revista, a festa do Roscón de Xema Guardés e os distintos acordos da SGAE e de transporte, ademais dos cursos que organiza.
Non falta na revista o punto de mira, que desta vez enfócase tamén ao colexio dos PP. Xesuítas e a súa recuperación, e as páxinas centrais con todos os socios de ‘ábaco’.