Xa está na rua o terceiro número da revista 'ábaco'
A Asociación do Baixo Miño de Comerciantes e Empresarios ‘ábaco’ lanza á rúa o terceiro número da súa revista ‘ábaco’. Esta publicación de distribución gratuíta e carácter trimestral aumentou desta vez as súas páxinas debido ao éxito entre os lectores e entre os seus anunciantes. Por iso, desta volta o número de páxinas a toda cor ascende a 24.
A portada está dedicada a Montserrat Prado Cores, delegada da Consellería de Innovación e Industria e Comercio. Aproveitando a súa visita á Guarda o pasado 5 de marzo, ‘ábaco’ estivo con ela para falar da situación actual do comercio e da Nova Lei de Horarios Comerciais, entre outros temas. En relación a isto, nunha das páxinas da revista preséntanse todas as características desta nova normativa que acaba de entrar en vigor e que, como revista de ámbito principalmente comercial, se quere poñer ao alcance de todos, empresarios, comerciantes e lectores.
As páxinas centrais seguen estando reservadas para todos os asociados, que aumentaron considerablemente con respecto a edicións anteriores.
A historia volve ter cabida na revista. Complétase a historia do edificio do colexio dos PP. Xesuítas da Guarda, que xa se comezara na publicación anterior, desta volta con máis fotografías históricas do edificio.
O noso punto de mira desta vez céntrase nos acontecementos feitos no Nadal, cunha crítica construtiva con todo o acontecido principalmente na cabalgata de Reis, na que o concello da Guarda tivo participación. Unido a isto, ‘ábaco’ presenta en fotografías todo o que foron a campaña de Papá Noel e a cabalgata de Reis levadas a cabo pola asociación, na que se inclúen os gañadores dos concursos de beléns e de postais.
Tras os malos tratos, ‘ábaco social’ céntrase nesta ocasión noutro dos grandes problemas sociais: os trastornos alimentarios. A problemática da anorexia preséntase dende a testemuña directa dunha rapaza galega que padeceu esta enfermidade. Ademais, recoméndase un libro de Montserrat Cervera, Prevención y riesgo de la anorexia y la bulimia, como guía de consulta para a sociedade.
‘ábaco’ dende sempre apostou pola cultura. Por iso, no noso apartado cultural presentamos a mellor colección do ano, Colón rumbo a las Indias, pertencente a José A. Gándara. Ademais de falarnos desta colección, o presidente de ‘ábaco’ mostra os selos máis importantes desta colección.
A música segue presente no apartado cultural. A presentación do novo CD Rock ‘N’ Guarda 2, con grupos como Script, Primer Grado ou Heissel, aposta pola música de grupos guardeses. Fotografías de actuacións de grupos e todos os detalles deste compilatorio están recollidos nestas follas. A rede Locais de Ensaio Xa volve reivindicarse de novo na procura dun espazo onde poder facer o que máis lle gusta á xente nova: música. Nesta páxina indícanse os puntos de venta deste CD.
César Casal González volve colaborar, unha vez máis, cos seus escritos na nosa páxina literaria. “Aínda non visitei a súa tumba” é o título da súa publicación.
A revista ‘ábaco’ inclúe unha nova sección: ‘ábaco noticias’, onde se fai un repaso por todos os acontecementos máis relevantes que tiveron lugar na vila mariñeira. Neste número, a presentación do libro dos últimos anos do Recreo Artístico Guardés, escrito por Joaquín Miguel Villa Álvarez, El Recreo Artístico Guardés. 1940-2005. De la posguerra al Siglo XXI, e a chegada á vila de Óscar Alonso despois de quedar subcampión do mundo da modalidade de remo-ergómetro.
Por xentileza de Award School, nunha das páxinas finais inclúese unha sopa de letras en inglés.
A revista está dispoñible en todos os establecementos asociados a ‘ábaco’. A súa distribución é gratuíta. A revista distribúese tamén en lugares públicos da Guarda, así como do Rosal, Tomiño e Tui.